lunes, 19 de abril de 2010

Entrevista do progreso o noso alcalde: Dario Campos

texto : isabel garcía 
foto: josé mª álvez 
Chegou á alcaldía case por casualidade hai tres anos, porque nunca antes participara na vida política, pero a agrupación municipal socialista apostou por el por ser unha persoa estimada no municipio. Nada máis presentarse, desbancou ó goberno popular anterior, de máis de 20 anos, e cambiou por completo a faciana desta localidade mariñá.
«A paisaxe local está a mellorar moito coa restauración dos fornos e a obra do río Eo» «Se os veciños queren que me volva presentar, fareino»
«Estámosll e dando á Pontenova un total lavado de cara» 
La asignatura pendiente del alcalde, Darío Campos, es acabar el polígono después de 16 años.
  O senso común, por riba de calquera interese partidista, prima no modo de levar as rendas da alcaldía pontenovesa para este veciño ó que o seu traballo como veterinario e o seu carácter lle serviron para ser unha persoa estimada na localidade, único aval que lle resultou máis que suficiente para gañar as pasadas eleccións municipais, sen ter ningunha experiencia previa no eido político. Quizais por iso, segue a ter máis confianza nas persoas que nas siglas e agradece sen ambaxes non só a axuda dos seus, senón tamén a que lle prestan os supostos adversarios políticos, como o actual xefe territorial de Medio Ambiente ó que agradece o seu esforzo para facer realidade por fin un dos proxectos máis esperados no concello, a culminación do polígono industrial.
Que proxectos desexa ver finalizados cando remate este mandato? Aqueles que quedaran pendentes da etapa anterior e que hai que deixar por fin rematados, como o do polígono industrial, que se comezou a construír hai 16 anos e aínda non está rematado. Por fin vaise rematar a súa urbanización, algo polo que loitamos dende o principio, e completarase este espazo no que xa hai moitas empresas traballando. Tamén me interesa especialmente ver aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal, agardamos que para este verán, xa que convén clarexar canto antes as calificacións do solo xa que as normas actuais case impiden construír en calquera núcleo rural e supón un instrumento imprescindible para dar licenzas. Hai que rematar tamén a reparcelación da Chousa de Vilaoudriz, un proxecto en principio privado que se aprobara nos anos 80, que beneficia principalmente a un cento de veciños que pasarán a ter solos urbáns, en lugar de rústicos, e que non tiñamos máis remedio que solucionar.
Nestes momentos, cales son as principais actuacións que se están a desenvolver? Iniciamos o expediente de expropiación para construír un centro de día residencial cunha parcela axardinada que se ubicará preto do polideportivo, porque o lugar previsto onde están as catro vivendas sociais, nun primeiro piso dun edificio, non parece o lugar máis axeitado para darlles calidade de vida ós usuarios. Xa están tamén moi avanzadas as negociacións coa Xunta para que o Concello poida recuperar e explotar turisticamente a Ferreiría de Bogo, e para iso asinamos un crédito de 700.000 euros para adquirir este patrimonio local e nos estamos volcando no arranxo das pistas de concentración, que son máis de mil kilómetros e 200 de asfaltados. 
Que mudou na Pontenova baixo o seu mandato? A paisaxe porque xa se está vendo un total lavado de cara grazas á obra do encauzamento co que se amplían as marxes do río Eo ó seu paso polo municipio e se van crear sendeiros e zonas recreativas en torno ó cauce, unha actuación que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico rematará a principios do ano que vén. Tamén os fondos estatais de axuda ós municipios serviron para rehabilitar a emblemática Praza dos Fornos, que pasa así a ser unha especie de museo etnográfico ó aire libre. Reducimos a débeda local en 300.000 euros e estamos agardando recibir unha subvención duns 50.000 euros para crear un punto de atención á infancia, na pranta baixa das vivendas comunitarias. A creación deste punto de atención á infancia é unha boa nova tendo en conta o avellentamento demográfico, 
que medidas implementarán para fixar poboación? Entre outras, o dotar de banda ancha á localidade, sobre todo ás parroquias, un servizo que agardamos teñan todos os cidadáns que o desexen nun ano e medio grazas ás subvencións que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino está a dar para os concellos que integran a reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Moita xente está desprazándose cara o casco urbán e deixando as aldeas, pero estamos vendo como a xente de fóra está a restaurar casas aquí para vivir ou para veranear. De todos os xeitos, aínda se mantén similar á de anos anteriores, a cifra de alumnos matriculados no colexio, con 120 estudantes, e no instituto de ensino medio, con outros 200. Traballamos tamén en darlle facilidades á xente para que quede. 
A experiencia política á fronte dunha alcaldía, está desgastándoo ou polo contrario anímalle a seguir? Aínda que supón unha loita constante, catro anos pasan demasiado rápido como para facer todas as cousas que un se propón co obxectivo de que prospere a localidade. Agradézolle moito ós veciños a confianza que seguen a depositar en min e a verdade é que aínda non falamos na agrupación do que pasará ó termo do mandato, pero se os afiliados e os veciños queren que me volva presentar, así o farei.
O feito de ser rexedor, mudou a súa relación cos amigos de toda a vida no concello no que sempre viviu ou restoulle tempo para estar coa súa dona e os seus tres fillos? Non sei que dirán eles, pero para min todo segue igual, sigo a ser o mesmo e fago as mesmas cousas. Os amigos que o son de sempre seguen estando aí. Polo que respeta a compaxinar este posto coa vida familiar, é algo difícil, porque sempre quita tempo pero apenas mudou a miña vida persoal. 
No concello son seis concelleiros do PSOE e cinco do PP, como son as relacións coa oposición? Hai días mellores e días peores. Procuramos aceptar todas as mocións posibles que nos parezan axeitadas nos plenos, pero ás veces gustaríanos que houbera un mellor entendemento. 
Para A Mariña foi unha sorpresa que gañara o PSOE con rotundidade nas pasadas eleccións. Para vostede tamén? Sempre o comparo co fútbol. Somos un equipo e hai que saír a gañar sempre, hai que pensar así. 

De 2.900 habitantes, 107 son estranxeiros 
Os antigos territorios de Conforto, Miranda e Vilameá, unificados baixo o nome de A Pontenova en 1979, empregan ó 40% da súa poboación no sector primario, fundamentalmente na gandeiría e na agricultura, aínda que a hostalería e a industria, xa que na zona ubícase por exemplo a construtora de vehículos IPV, dan traballo á súa vez a moitos dos seus 2.913 habitantes. A pesar de ser un municipio interior, en pleno medio rural mariñán, destaca a cifra de estranxeiros que viven nel, 107, dos que a meirande parte, 48, son rumanos, que viñeron traballar no sector forestal. Precisamente, os servizos sociais do Concello están implementando unha serie de actividades que facilitan a integración destes colectivos, como as clases de español para inmigrantes e os obradoiros de cociña intercultural que se desenvolveron este ano. 

Aldeas abandoadas
O avellentamento da población é notorio, realidade que ilustra o dato de que 436 veciños son septuaxenarios. Incrementouse asemade o número de aldeas abandoadas nas que non habita ninguén dende hai anos, como as de Ínsua ou a de Gabeás, onde anualmente se reúnen os que nela naceran, aínda que tamén hai outras nas que só queda unha veciña, como en Labrada.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.