martes, 9 de marzo de 2010

AÚLTIMA FASE DO APAGADO ANALÓXICO COMEZARÁ ESTE MÉRCORES E AFECTARÁ A PRETO DE 1.300.000 GALEGOS DAS PROVINCIAS DE PONTEVEDRA E LUGO

O apagado analóxico na área técnica de Páramo afectará a meirande parte da provincia de Lugo, unha poboación total de 309.018 persoas. As fases I e II do Plan Nacional de apagamentos afectaron a 10 concellos lugueses: Chantada, O Saviñao, Monforte de Lemos, Bóveda, Pobra de Brollón, Carballedo, Muras, Pantón, Sober e A Fonsagrada.
A fase III comezará nesta área técnica o mércores 10 co apagado dos emisores de Monterroso e Taboada, o que afectará aos concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Taboada e Palas de Rei. O día 22 apagaranse os centros de Ribeira de Piquín, Vilalba e Ribeira Piquín II, o que afectará aos cidadáns de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol. O proceso de apagados na área de Páramo continuará o día 23 nos emisores de Becerreá, Conforto, Puentenuevo, Puentenuevo II, Vilamea, Sanpayo e Viveiro, que dan servizo aos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol. A fase III rematará o día 2 co apagado do resto de emisores, incluídos os principais de Páramo e Cuadramón.
A terceira e última fase do apagado analóxico comezará este mércores 10 de marzo en Galicia, rematará o vindeiro 2 de abril, e afectará a preto de 1.300.000 galegos. Co remate da fase III, que se desenvolverá nas áreas técnicas de Domaio (a maior parte de Pontevedra e cinco concellos da Coruña) e Páramo (a meirande parte de Lugo), todos os galegos terán acceso único á TDT.
As fases I e II do apagado analóxico realizáronse en Galicia do 18 de xaneiro ao 1 de febreiro e afectaron a 1.550.000 galegos, o 56% dos cidadáns da Comunidade, pertencentes a 203 concellos
Durante esta última fase de apagado analóxico, o Goberno galego seguirá a resolver as dúbidas dos cidadáns sobre a TDT a través do teléfono de atención 012. A Xunta de Galicia recomenda, ademais, aos cidadáns da Comunidade que non agarden ata o último día para adaptar a súa televisión á tecnoloxía dixital.
61 concellos na área de Domaio
A Área Técnica de Domaio está composta por 61 concellos, dos cales 56 pertencen á provincia de Pontevedra e 5 á da Coruña, e que dependen directa ou indirectamente do emisor principal de Domaio. En total suman case 979.012 cidadáns que pasarán a recibir o sinal de televisión unicamente mediante tecnoloxía dixital.
Na provincia de Pontevedra unha ducia de concellos (Crecente, Caldas de Reis, Catoira, Illa de Arousa, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, Dozón, Agolada, e Rodeiro) beneficiáronse do apagado das fases I e II con resultados positivos. Na actualidade, a cobertura do sinal de televisión dixital é do 97% da poboación, e agárdase que unha vez rematado todo o despregamento a cobertura chegue ao contorno do 98%.
Os apagados comezarán o día 10 nos emisores de Oia, Oia II, Cangas, Curota e Bueu, e afectará aos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Dodro, Boiro, Cangas, Oia e Bueu. O día 15 os emisores afectados serán os das Neves e Arbo, que dan servizo aos concellos de Arbo, As Neves, Salvaterra, Ponteareas e Salceda de Caselas.
A fase III continuará o día 23 de marzo coa desactivación dos emisores da Cañiza, Carril e Moaña, o que afectará aos concellos de Cañiza e Covelo, ademais doutros de xeitos parcial. O día 24 apagarase o de Meis, que da servizo aos concellos de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro e Moraña.
Os apagados na área técnica de Domaio rematarán o día 2 co cese analóxico dos emisores que dan servizo ao resto da provincia de Pontevedra: Campo Lameiro, Cerdedo, Domaio, A Guarda, Lavadores, Mondariz, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Puebla, Redondela, Tomiño, Tui e Xesteiras. VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.