sábado, 13 de septiembre de 2008

«Na mina estabamos 'a destajo', había que cargar 21 vagonetas ao día»


Francisco Cancelas é o mineiro de máis idade de cantos traballaron na explotación de Vilaoudriz (A Pontenova). No 1964 emigrou a Alemania, onde viviu 15 anos

Sigue leyendo...



Francisco Cancelas, máis coñecido como Paco de Cancelas, recibiu a finais de agosto unha homenaxe pública por ser o mineiro de máis idade de cantos traballaron na explotación de Vilaoudriz (A Pontenova). Aínda que confesa que non ten frescos moitos recordos daquela etapa (1960-1964), as lembranzas de Francisco permítennos visualizar cómo se traballaba naquela época na extracción do mineral que despois se trasladaba en tren para embarcar en Ribadeo cara a outros países europeos.

«Na mina estabamos a destajo , sen horario fixo, había que cargar 21 vagonetas de mineral ao día entre dous obreiros». Un deles era Paco de Cancelas, quen lembra que daquela non había vía e o mineral caía nas vagonetas por unha tolva. Francisco non viviu a etapa máis próspera das minas, pero si participou nas celebracións de Santa Bárbara, con oficios relixiosos e comida entre os mineiros. Aos seus 79 anos aínda lembra como cada día recorría en bicicleta os arredor dos tres quilómetros e medio que separan a súa casa de Conforto do seu centro de traballo. Daquela etapa ten anécdotas, unhas doces e outras máis amargas, e tamén recordos dalgún accidente que puido acabar en traxedia: «Estabamos traballando e recordo que dixen 'Isto está máis seguro que a bóveda da igrexa de Conforto'. Dalí a un bocadín, baixou o teito e despois caeu. Salveime de milagre».

O mesmo ano no que a explotación mineira deixou de funcionar, o nome de Paco de Cancelas sumouse ao amplo listado de emigrantes que buscaban unha vida mellor en Centroeuropa. Elixiu Alemania e asentouse na poboación de Lindau, xunto ao Lago de Constanza. Tres anos despois chegou a súa muller (coa que onte celebrou o aniversario de voda): «Co paso do tempo levei entre dez e doce familias máis da Pontenova».

O seu primeiro emprego foi na construción, traballo que logo cambiou por un cargo na empresa que dirixe o ferrocarril alemán, o Deutsche Bahn DB. «Botei alí quince anos e despois decidín volver a Conforto, dous anos despois da miña muller».

A pesar dos vínculos con Alemania, Cancelas nunca regresou a aquel país: «Gañas si que me quedaron, pero foi pasando o tempo...». O retiro definitivo en Galicia non estivo plagado de sorpresas. «En Conforto todo seguía igual, ademais nós viñamos todos os anos e non notamos moito cambio».
VOLVER



Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.