martes, 25 de marzo de 2008

Sete novos concellos deixan a recadación de impostos en mans da Deputación.


Con estas novas incorporacións son xa 43 as entidades locais que adoptaron esta decisión nos seus plenos.
O vindeiro 2 de abril, os alcaldes dos concellos de Abadín, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Láncara, Paradela, Pedrafita do Cebreiro e A Pontenova asinarán co presidente da Deputación o convenio polo cal estes Concellos delegan no organismo provincial a recadación de impostos.

Sigue leyendo...



Estes sete novos municipios sumaranse aos 36 que xa adoptaron esta decisión, facendo un total de 43, ou o que é o mesmo, o 67% do total. Este anuncio fíxoo onte Antonio Gato, deputado provincial de Cooperación cos Concellos, despois da Xunta de Goberno da Deputación.
Gato sinalou que co novo sistema provincial de recadación non se pretende que a Deputación teña ingresos en función da taxa recadatoria, tanto é así que dita taxa se rebaixou do seis ao catro por cento, e aínda se podería reducir máis se se adherisen a maior parte dos concellos. Neste sentido, fixo un chamamento ao resto dos concellos para que se sumen a este procedemento, non só porque o servizo sería máis eficiente, senón tamén por solidariedade cos municipios que xa o fixeron e que xa están recibindo anticipos todos os meses, dispoñendo así de recursos, cos que poden facer fronte aos gastos correntes.

Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.